Friday 17 de May de 2024

O Concello de Ribeira acolle a presentación do Plan Único da Deputación


A casa do concello de Ribeira acolleu esta mañá a presentación do Plan Único da Deputación, onde a deputada de plans proviciais, Cristina García Rey, anunciou os investimentos da fase inicial: 964.729,23€ para o concello de Ribeira; 6.360.635,17€ para o Barbanza e Muros – Noia, e 50.500.000 para a provincia da Coruña. Ademais, salientou os 64.304.827,66€ investidos nestas comarcas nos últimos anos.

“O Plan Único da Deputación da Coruña (POS+) serve para o financiamento de obras e servizos públicos de todos os concellos da provincia, que contribúan a mellorar o benestar dos seus cidadáns”, sinalou a deputada. “Deste xeito, os gobernos municipais teñen autonomía para xestionar os recursos públicos como mellor lles conveña, en función das súas particularidades e prioridades”.

No caso de Ribeira, o Plan Único permitiu financiar parte do gasto corrente (alumeados públicos, auga, parques e xardíns, persoal, etc.) e tamén algunhas obras como a renovación da liña de auga potable, a construcción de parques cubertos no lugar da Ameixida, ou o saneamento de diferentes rúas, entre outras.
“O POS+ permítenos realizar investimentos non só no centro urbano de Ribeira, senon tamén dotar de servizos fundamentais a tódalas parroquias. A achega de servizos básicos é fundamental para mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza e fomentar un desenvolvemento sostible. Grazas a estes fondos o Concello de Ribeira poderase desenvolver económica, social e culturalmente.” sinalou o rexedor Luís Pérez.

Esta ferramenta serve, en definitiva, “para que os concellos gañen en eficiencia na xestión do gasto, tomando as decisións pertinentes dacordo á súa realidade, e para que os veciños e veciñas gañen en benestar”, apuntaba Cristina García Rey.

Na presentación tamén estiveron presentes o tenente de alcalde Vicente Mariño e o segundo tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta.